Vanesa Munín (
El Correo Gallego, 31.08.2010)
O grupo de teatro, formado por tres xeracións, leva 77 anos representando as obras dos rianxeiros máis importantes da nosa literatura, como Castelao ou Dieste. O grupo de teatro
Airiños leva setenta e sete anos representando nos escenarios as obras dos autores rianxeiros máis coñecidos da nosa literatura. Nado coma unha iniciativa humilde en Rianxo, e grazas ás Mocidades Galeguistas, conseguiu consolidarse ao longo dos anos. Iso si, sen abandonar o uso da lingua galega nin nos momentos máis difíciles. O grupo está formado por tres xeracións de actores que non deixan de mostrar a súa arte ao público día tras día.
Como todo aquilo que hoxe é grande, Airiños comezou sendo pequeno. Nos seus principios, esta aventura estaba formada por catorce actores, catro mulleres e dez homes. Os artífices do grupo foron concretamente os directivos do Centro Galeguista, principalmente Ricardo Rodríguez González, Rafael Piñeiro Fachado e Xosé Otero Rial. "
Comezamos en tempos da Segunda República" recorda o director do Grupo de Teatro Airiños, Xesús Santos.
Traxectoria do grupoO director explica que o camiño da agrupación durante épocas como a ditadura non foi fácil, nas que o uso do galego estaba moi controlado. Asegura que conseguiron sobrevivir grazas "
á astucia e perseverancia, fomos capeando o temporal da censura, e cando amainaba algo, procurabamos navegar sen facer moito ruído".
O grupo nunca abandonou o galego nas súas representacións. Esta era unha norma dende a súa creación, como comenta Santos,"
exaltar a língua e a cultura autóctona por medio do teatro.", afirma.
Airiños rompeu o xeo nos escenarios coa obra
A Retirada de Napoleón no 1933. Dentro do seu repertorio encontramos obras como
Na casa do ciruxano, a máis representada, antes e despois da guerra. "
Hai persoas que, sen ser actores, saben parrafadas enteiras do texto, que recordan pola súa comicidade e picardía" comenta o director.
No ano 1983, a agrupación cumpriu "un vello soño" como afirma o seu director. Levaron ao escenario a obra de Castelao
Os vellos non deben namorarse. Santos recorda que "foi unha aposta forte de moito traballo e compromiso, pero valeu a pena." "
Nunca tiveramos tanta xente en escena nin tanto vestiario". Unha experiencia moi gratificante que se repetiu en 1986, con motivo do I Centenario do autor rianxeiro. E que o grupo volveu a repoñer, neste 77 aniversario da creación do Cadro Artístico. Para Airiños, tanto Castelao como Dieste, son dous símbolos "
que levamos sempre como bandeira en cartel".
Airiños na actualidadeNeste momento no grupo conviven avós, fillos e netos, pero estes netos de hoxe veñen sendo os bisnetos dos fundadores. Polo tanto, o grupo xa vai na cuarta xeración de actores. O tío do director e tamén actor, Ramón Sende Suárez, con 97 anos, convértese no máis veterano que pasou polo grupo. Da cuarta xeración forman parte cativos como Ramón Romero Muñiz, Lucía Casal Lodeiros e Marcos Iglesias Santos.
O grupo recibiu premios coma o Alexandre Bóveda, como recoñecemento á súa longa traxectoria. "
Estamos moi agradecidos de que nos quixeran agasallar con el", conclúe o director..