jueves, 9 de septiembre de 2010
AIRIÑOS OU A BRISA DO TEATRO DE RIANXO
O grupo de teatro, formado por tres xeracións, leva 77 anos representando as obras dos rianxeiros máis importantes da nosa literatura, como Castelao ou Dieste.
O grupo de teatro Airiños leva setenta e sete anos representando nos escenarios as obras dos autores rianxeiros máis coñecidos da nosa literatura. Nado coma unha iniciativa humilde en Rianxo, e grazas ás Mocidades Galeguistas, conseguiu consolidarse ao longo dos anos. Iso si, sen abandonar o uso da lingua galega nin nos momentos máis difíciles. O grupo está formado por tres xeracións de actores que non deixan de mostrar a súa arte ao público día tras día.
Como todo aquilo que hoxe é grande, Airiños comezou sendo pequeno. Nos seus principios, esta aventura estaba formada por catorce actores, catro mulleres e dez homes. Os artífices do grupo foron concretamente os directivos do Centro Galeguista, principalmente Ricardo Rodríguez González, Rafael Piñeiro Fachado e Xosé Otero Rial. "Comezamos en tempos da Segunda República" recorda o director do Grupo de Teatro Airiños, Xesús Santos.
Traxectoria do grupo
O director explica que o camiño da agrupación durante épocas como a ditadura non foi fácil, nas que o uso do galego estaba moi controlado. Asegura que conseguiron sobrevivir grazas "á astucia e perseverancia, fomos capeando o temporal da censura, e cando amainaba algo, procurabamos navegar sen facer moito ruído".
O grupo nunca abandonou o galego nas súas representacións. Esta era unha norma dende a súa creación, como comenta Santos,"exaltar a língua e a cultura autóctona por medio do teatro.", afirma.
Airiños rompeu o xeo nos escenarios coa obra A Retirada de Napoleón no 1933. Dentro do seu repertorio encontramos obras como Na casa do ciruxano, a máis representada, antes e despois da guerra. "Hai persoas que, sen ser actores, saben parrafadas enteiras do texto, que recordan pola súa comicidade e picardía" comenta o director.
No ano 1983, a agrupación cumpriu "un vello soño" como afirma o seu director. Levaron ao escenario a obra de Castelao Os vellos non deben namorarse. Santos recorda que "foi unha aposta forte de moito traballo e compromiso, pero valeu a pena." "Nunca tiveramos tanta xente en escena nin tanto vestiario". Unha experiencia moi gratificante que se repetiu en 1986, con motivo do I Centenario do autor rianxeiro. E que o grupo volveu a repoñer, neste 77 aniversario da creación do Cadro Artístico. Para Airiños, tanto Castelao como Dieste, son dous símbolos "que levamos sempre como bandeira en cartel".
Airiños na actualidade
Neste momento no grupo conviven avós, fillos e netos, pero estes netos de hoxe veñen sendo os bisnetos dos fundadores. Polo tanto, o grupo xa vai na cuarta xeración de actores. O tío do director e tamén actor, Ramón Sende Suárez, con 97 anos, convértese no máis veterano que pasou polo grupo. Da cuarta xeración forman parte cativos como Ramón Romero Muñiz, Lucía Casal Lodeiros e Marcos Iglesias Santos.
O grupo recibiu premios coma o Alexandre Bóveda, como recoñecemento á súa longa traxectoria. "Estamos moi agradecidos de que nos quixeran agasallar con el", conclúe o director..
sábado, 9 de enero de 2010
PREMIO "DESING AND DESING" AO LIBRO QUE RECOLLE A HISTORIA DE "AIRIÑOS"

A empresa Unlimited Creative Group (Unlimited We are the alternative S.L.), conseguiu o premio Anuaria 2009 ao mellor libro, memoria ou deseño editorial coa obra que preparou para o grupo de teatro "Airiños" co gallo do seu 75 aniversario (1933-2008) e tamén o prestixioso premio "Design and Design" a nivel internacional en varias categorías.
jueves, 17 de diciembre de 2009
miércoles, 9 de diciembre de 2009
AIRIÑOS: novos datos históricos


Foi unha época dourada para o Grupo, que coincidiu cun incremento no número de actores. Por primeira vez contábase cun local propio, o Centro Cultural, aínda que lembraban con nostalxia a acolledora casa de Pimentel. Non había moitos luxos, e daquela ata tomaban mate, que traía o sogro do director, de cando en vez, da Arxentina. Era un home de múltiples saberes e facía un mate “ben sebado”, que había que beber pola boquilla. Preparábaos “tan quentiños, que os novatos ao beber escaldaban a lingua...”
No 50 aniversario, celebrado en 1983, Airiños xa estaba consolidado e para celebrar a data escolle a obra de Castelao, “Os vellos non deben de namorarse”, unha das obras mestras do teatro galego. Para a ocasión contouse co asesoramento da súa irmá Teresa R. Castelao, de Maruxa Villanueva, e de Daniel Varela Buxán. A peza tivo unha boa resposta do público e da crítica. Posteriormente, co gallo do centenario do nacemento do autor, Airiños volveuna representar ao abeiro do programa “Encontros polas terras de Castelao”.
Por iniciativa de Airiños, en 1982 comeza a primeira reedición da “Semana do Teatro do Pobo”, en Rianxo. Despois de 14 anos, en 1995 fíxoselle unha homenaxe e entregóuselle unha placa a Ramón Pimentel, pola súa longa andaina coma actor e director do Grupo. Ese mesmo verán púxose en escena a obra cómica “A farsa do avogado”, que acadou bos comentarios entre o público asistente.
Entre os anos 90 e o 2000 sucédense as representacións. As decoracións, que nun tempo se lle encargaran ao pintor de Vilagarcía, Rivas Briones, agora correrán a cargo do pintor da vila, Xosé Comoxo. Paralelamente, comeza a súa andaina o Grupo Infantil da man de Ramón Pimentel, labor que hoxe continúa Antón G. Vilariño, coa Escola de Teatro Airiños. No ano 2000, co centenario do poeta Manuel Antonio, representouse “Un ronsel de estrelas”, e repúxose “A fiestra valdeira” no centenario de Rafael Dieste.
Desta última época son “A casa dos líos”, “¡Vaia sarillo!”, “Non lle busques tres pernas ó alcalde” e “A farsa do avogado”, repetida despois en 2007.
Coa incorporación dos netos, e mesmo dos bisnetos, daquela ilusionada xuventude de 1933, o Grupo Airiños entra na súa cuarta xeración. Nunha parroquia de menos de 400 veciños, como é Asados, pódese dicir que máis de 200 persoas pasaron por algunha das obras de teatro que se teñen desenvolvidas ao logo de tres cuartos de século. Todos eles merecen un recoñecemento, pois fixeron posible que o ben chamado Cadro Artístico chegara aos nosos días. Débese recoñecer, igualmente, a boa acollida do público en xeral, que, cos seus aplausos, mantiveron a ilusión e déronlle sentido ao teatro.
O Grupo de Teatro Airiños celebra no ano 2008 as vodas de platino. Son tres cuartos de século nos que representou diferentes veladas por toda a bisbarra da Arousa-Barbanza, defendendo sempre os principios galeguistas e resaltando os costumes propios da cultura popular. Consecuentes coa súa razón de ser, nese ano repuxeron a primeira obra escenificada polos seus antecesores, en 1933, “La retirada de Napoleón”, cunha ducia de representacións nos Concellos de Boiro, Ribeira, Rianxo, Rois, Padrón, Santa Comba, Santiago, Mazaricos, Lousame, Dodro e Ferrol.
miércoles, 25 de noviembre de 2009
O ANO DOURADO DUNHA VETERANA AGRUPACIÓN

| Os actores rianxeiros, de éxito en éxito
Alberto HeviaLa Voz de Galicia, 24/11/2009
O teatro afeccionado está en racha en Rianxo. O grupo Airiños, ademais de ser premiado por Barbantia, acaba de recoller outro galardón. Trátase dun recoñecemento que lle outorgou a agrupación cultural coruñesa Alexandre Bóveda. O antigo teatro Principal herculino -hoxe coñecido como Rosalía de Castro-, un edificio con máis de 170 anos de historia, foi o escenario escollido para que o presidente do colectivo rianxeiro, Xesús Santos, e o resto de actores da compañía recollesen, o pasado venres, o seu galardón.
Un autobús ateigado de amigos e simpatizantes do grupo acompañou aos actores de Airiños ata A Coruña para que, no marco do XIII edición do memorial de teatro Iván Toxeiro, o director da agrupación cultural Alexandre Bóveda, Roberto Catoira, entregara o agasallo aos de Asados. Xunto ao profesor da Universidade da Coruña Carlos Viscaíño, Catoira salientou a traxectoria do grupo Airiños, que foi fundado no ano 1933 no centro galeguista de Asados e que no 2008 celebrou o seu 75 aniversario de actividade ininterrompida, polo que na actualidade é o máis antigo grupo de teatro afeccionado de toda Galicia. «É para nós unha grande honra entregarlle este premio a Airiños porque pon en valor o teatro afeccionado, xerme dos profesionais» apuntou Catoira durante o acto de entrega.
En galego
Quizais, o máis significativo de Airiños sexa que na súa longa andaina nunca esqueceu a súa razón de ser, que foi manter viva e espallar a cultura galega entre todos os veciños de Rianxo. Deste xeito, todas as súas actuacións foron en lingua galega, unha característica que lle provocou numerosos problemas durante a ditadura franquista, ata o punto de estar a piques de desaparecer.
Hai ben pouco, o grupo perdeu ao seu director de honra, Ramón Pimentel, membro fundador que, malia ser octoxenario, continuou ligado a Airiños ata a súa morte. Hoxe, os descendentes dos primeiros actores colaboran nas veladas teatrais organizadas polo cadro artístico de Asados como unha maneira de dinamizar a actividade cultural desta parroquia. Porque este colectivo é algo máis que un grupo teatral. Os seus compoñentes poden dicir, sen lugar a dúbidas, que Airiños é un xeito de vida.
AIRIÑOS PREMIADO CO "SIRENO DE BRONCE"
Os sirenos de bronce entregaranse o venres, a partir das oito e media da tarde, no museo Valle-Inclán
María Hermida
La Voz de Galicia, 24/11/2009
Rianxo segue a ser berce de cultura; terra de xente apegada ás letras, ao arte, ao saber... De aí que os premios que cada ano concede a asociación Barbantia vaian ter, nesta edición, un marcado carácter rianxeiro. Non en van, na nómina de galardoados figura o académico de Asados Xosé Luís Axeitos, o grupo de teatro Airiños e o compositor Xosé Ramón España Lorenzo, que malia ser de Boiro estivo moi ligado á terra de Castelao, posto que foi o primeiro director da banda infantil de Taragoña.
Dende Barbantia explicaron que, o pasado venres, nun descanso do acto celebrado en A Pobra na honra de Rei Ballesteros, o presidente da asociación, Antón Riveiro, o concelleiro pobrense Jesús Dieste e o coordinador do colectivo, Alberto Piñeiro, recontaron os votos emitidos polos socios para saber, dunha tenra de doce finalistas, quen eran os gañadores. A partir dese escrutinio, os sirenos de bronce, esas figuras creadas polo escultor Manuel Teira para agasallar aos premiados, xa tiveron nome e apelidos.
España impúxose na categoría de traxectoria cultural no Barbanza. Nese apartado, o compositor boirense competía co profesor Xoán Mariño Reino; coa pintora boirense Paola García Paz e co mestre e investigador Manuel Mariño del Río. España, ademais de ser o primeiro que levou a batuta na banda infantil de Taragoña, é compositor e agora mesmo forma parte de Os Menestreis.
O grupo de teatro Airiños, unha formación que cumpriu xa as súas vodas de platino sobre o escenario e que competía na sección de iniciativa cultural no Barbanza, tiña como rivais á revista Casa da Gramática noiesa; á Sociedade Liceo de Noia e á Coordinadora dos Equipos de Normalización Lingüística de Barbanza. Finalmente, serán os compoñentes de Airiños os que poidan recoller o sireno.
En canto á terceira categoría, a que premia a traxectoria na cultura galega, os tres personaxes cos que competía Axeitos teñen un denominador común: son persoas ben coñecidas cuxos nomes xa están escritos con letras destacadas na historia de Galicia. Trátase do teólogo e académico Andrés Torres Queiruga; do catedrático e presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Piñeiro, e da escultora Soledad Peralta.
Felicitacións
Dende a asociación Barbantia quixeron dar os seus parabéns aos premiados e lembrar que a entrega de premios terá lugar este venres. Os galardoados recollerán os seus sirenos de bronce nun acto que se celebrará no museo Valle-Inclán a partir das 20.30 horas. Será unha cita que volverá facer da cultura a súa máis grande protagonista.
lunes, 23 de noviembre de 2009
AIRIÑOS NOS ANOS 50
Se volvemos a mirada cara a vila, e nos situamos na década dos 50, podemos ver que renace a afección en Rianxo polo teatro e polas corais. Paralelamente ao Grupo Airiños, xorden outras experiencias teatrais dunha maneira esporádica e para fins concretos. Así, na primavera de 1953, estrean no cine “Avenida” dúas obras dun vello amigo, Rafael Dieste, que andaba exiliado por terras arxentinas. Trátase dunha “farsilla” en tres actos “Curiosa Muerte Burlada” e unha “comedieta circense” nun acto “La Amazona y los Excéntricos”. A actriz Pilar Tubío Alcalde fará de “Angelita”, acompañada de cinco ou seis actores, dirixidos “con gran acierto” por outro home ben recordado, antigo galeguista, Benito Rial, que botaba de menos aquelas representacións de antano.
“Lástima que la velada no sea un mes más tarde. Acaso en julio, o en agosto, pudiésemos presenciarla los posibles veraneantes de Rianxo. Pero urge reunir fondos para las Fiestas de Nuestra Señora de Guadalupe, y las obras ya deben estar bien ensayadas. El exceso de ensayo, pudiera perjudicarles, como a los jugadores de fútbol el excesivo entrenamiento. Sin embargo ¿por qué no acude a Santiago y a otras poblaciones gallegas la “Agrupación Rianxeira” con las obras de Dieste? Podrían venir aquí, durante las Fiestas del Apóstol, y si no vienen iremos allá... en una “rubia”.
(Borobó, 20-6-1953)
Os capeláns Vicente Tarrío Martiñán e logo Don Arturo, formarán a varios actores, pequenos e grandes, que actuarán tamén de cando en vez. Outra experiencia moi fugaz foi a “compañía de teatro de Juan Dourado”, que finou o mesmo día da súa presentación, e incluso non chegou a rematar a función, na que ese home puxera un grande interese. Para súa desgraza, esa audacia, e certa improvisación, aínda hoxe é recordada con sorriso, pero dá boa fe de como en Rianxo se podían facer cousas interesantes sen cartos, sen posibilidades de continuidade e sen un chisco de medios materiais.
En Asados, animados pola boa acollida que tiñan as pezas teatrais, Airiños continuará ofrecendo representacións durante décadas. As obras dos 40-50 foron, entre outras, “Na casa do ciruxano”, “Trato a cegas”, “O cego da Xestosa”, “Todo ten Goberno” e “Xacobe, Farruco e Xuana”.
En busca de salas con máis aforo, atoparon a casa de Isolina, en Soigrexa, que xa antes da guerra fora utilizada como teatro, onde se poñían luces de candil e farois, e, como adiantamos, o cine “El Centro”. Tamén nos camiños que levaban ao local había que poñer luces de carburo, dende o Cruceiro Novo ata o Souto de Soigrexa, para que a xente non mollara os pés nas pozas.
A ditadura franquista recortou moitas liberdades, e prohibiu entre outras cousas a bandeira, o himno e a lingua galega. Así, pese a que se impoñía o castelán nas escolas, o Grupo de Teatro Airiños nunca abandonou as súas normas establecidas. A bandeira galega poñíana no escenario cubrindo a cunca do apuntador, aínda que só durante os ensaios, porque eran tempos nos que estaba prohibido facer actos públicos coa enseña.
Como anécdota, cabe dicir que, en maio de 1957, un día despois dunha actuación no cine “Avenida” de Rianxo, onde os membros do Grupo burlaran a prohibición da Benemérita, atrevéronse a regalar a bandeira galega na mesma estación do tren, en Catoira. Foi o seu actual director, Xesús Santos Suárez (daquela un mozo de 20 anos), quen lla deu a unha rapaza do Grupo que marchaba para Bos Aires para que a levara de recordo, trátase de Lola Romero.
Daquela as veladas eran acontecementos únicos aos que asistía toda a parroquia.
Aparece nestes anos outro importante persoeiro, José Otero (o seu pai xa colaborara nas primeiras representacións de Airiños), que fará tanto de actor coma de copista. Bo debuxante, pasaba a limpo con boa letra, os papeis dos actores e pintaba os decorados. Cando emigrou a Asturias, onde traballaría ao longo de 30 anos, tivo que ocupar o seu posto, como actor, Xesús Santos.
Froito da constancia do Grupo Airiños, nesta época xorden “imitadores” de novo en Rianxo. Outros grupos interésanse polo escenario. Así José Figueiro Sobradelo, coñecido polo alcume de “Gaitolas”, dirixirá algunhas representacións teatrais, pero faltaba constancia e tiveron unha vida moi curta, ao igual que as levadas a cabo polo Centro Cultural “Vicente Vidal” de Leiro, polo Grupo do Centro Cultural e Deportivo de Taragoña, e polo Liceo Marítimo Rianxeiro (que a comezos dos oitenta formará o grupo “O Xeito”, que, con bo criterio e acerto, dirixe Andrés Martínez “Pancho”).
Ademais do plantel de actores, o Grupo Airiños non está parado e experimentará trocos e transformacións. Nos sesenta, as obras do Grupo amplíanse con outras escritas por autores rianxeiros. Recuperan a Rafael Dieste e a súa ben coñecida “A fiestra valdeira”, en 1961.
Aínda que a citada obra contaba con 25 anos de existencia, cando os asadenses quixeron representala en Catoira, tiveron atrancos, pois ao ser provincia de Pontevedra, non lles serviu de nada a autorización do Delegado de Turismo e da Sociedade de Autores da Coruña, que tiña a responsabilidade da censura a nivel provincial. Houbo que repetir as xestións en Pontevedra, e esta vez irá con eles o crego poeta Faustino Rey Romero, que traballaba co Grupo de asesor literario e, ás veces, de presentador. O Delegado pontevedrés díxolle ao crego: “E logo, Don Faustino, habendo obras tan interesantes da nosa literatura ¿como van meterse con esas cousas dun home no exilio?”, referíndose a Dieste (que aínda no regresara definitivamente de Bos Aires). Rey Romero, respondeulle: “Eu non veño aquí para que me dea leccións de literatura”, e quedouse tan fresco. Santos pisoulle un pé ao crego para que acougara un pouco, pero en canto o Delegado saíu un intre da sala, Faustino púxose a “despotricar” en voz alta: “¡Eu a este tío non o aturo máis!”, colleu e marchou, deixando só a Santos. Cando volveu o Delegado, preguntou por el, e Santos tivo que dicirlle que o crego marchara porque tiña un apuro. “Pois se ten un apuro, váianse, váianse...”. Non acadaron os necesitados papeis.
Como xa estaba todo preparado, a obra deuse igual. Pensaron que non ía pasar nada. O propietario do cine, José Vázquez, que era un coñecido médico, cría que o ían “empapelar”. E así foi, pois puxéronlle unha multa e clausuraron o cine. Máis tarde, perdoáronlle a multa e só tivo que pechar o cine dous domingos. A ditadura xa estaba pasando a ser unha “dictablanda”.
O Grupo Airiños sempre procurou andar a ben coas autoridades, dentro da legalidade, pero coa censura tiveron unha loita tremenda. Unha obra que o público pedía que repetiran foi “N’a casa do ciruxano”, de Roxelio Riveiro e Telésforo Cestelo, un xoguete cómico que sufriu tantos remendos que nin os propios autores a recoñecerían. Pero todo quedou ó gusto do público, que ría moitísimo durante as funcións. Ao igual que “Os vellos non deben de namorarse”, de Castelao, a obra do cirurxián tamén foi posta en escena para ser proxectada na Televisión Española en Galicia.
“N’a casa do ciruxano” foi executada probablemente en máis dun cento de ocasións. Como outra anécdota, cabe dicir que, no lugar de Buhía, roubáronlles o libreto da obra e os do Grupo conseguiron reproducilo (con máis ou menos aproximación) porque moitos actores, e mesmo espectadores, recordaban ben anacos do texto. É así como esta obra non se pode dicir que teña un autor, pois é máis ben un traballo de toda a parroquia.
Durante a restauración da casa museo de Rosalía de Castro en Padrón, Airiños colabora co presidente da fundación, o doutor Sixto Seco. Formouse en Rianxo unha delegación do Padroado, e o Grupo de Teatro deu varias veladas coa finalidade de acadar fondos para reparar o edificio. Así, repoñeríase “N’a casa do ciruxano”, como dixemos, unha das obras máis representadas, xunto con “O Rei da Carballeira”. Outras pezas desta etapa, que tiveron moi boa acollida do público, foron “Un home de sorte”, “A morriña” e “Mal de ollo”.
Noutras ocasións, para recadar cartos para a citada casa de Rosalía, era necesario recorrer ás petitorias polas casas da parroquia de cara a incrementar as cantidades en metálico. Xesús Santos recorda que foron á casa dun coñecido, e dixéronlle: “Vimos pedir para a casa de Rosalía”. O veciño estrañouse ó pensar que estaban a pedir para unha veciña do mesmo nome, ó mesmo tempo que exclamaba, cerrando a porta: “Para a casa de Rosalía... ¡Que vaia traballar, carallo!”.
As obras de teatro necesitaban sempre unha autorización do Goberno Civil, que en ocasións tardaba meses en chegar, tempo no que o Grupo aproveitaba para os ensaios. Debíanse enviar dúas copias da obra a Coruña, e devolvían unha delas co selo de “nihil obsta”, quedándose co outro exemplar. Había que reservar tamén dúas entradas para un Delegado Gobernativo, que controlaba as entradas e que os textos estiveran axustados segundo foran aprobados.