jueves, 17 de diciembre de 2009

miércoles, 9 de diciembre de 2009

AIRIÑOS: novos datos históricos



Dos 40 aos 80 foron malos tempos para a dramaturxia (e para a arte en xeral), pero todo cambiará coa chegada da democracia. Gran pulo lle deu ao Grupo de Teatro Airiños a creación na parroquia, en 1981, do Centro Cultural Simón Varela de Dubra. Grazas a esta sociedade consolidáronse e dispuxeron de máis obras para representar. Tamén de novos actores (inclusive nenos), que se incorporan ao elenco.
Foi unha época dourada para o Grupo, que coincidiu cun incremento no número de actores. Por primeira vez contábase cun local propio, o Centro Cultural, aínda que lembraban con nostalxia a acolledora casa de Pimentel. Non había moitos luxos, e daquela ata tomaban mate, que traía o sogro do director, de cando en vez, da Arxentina. Era un home de múltiples saberes e facía un mate “ben sebado”, que había que beber pola boquilla. Preparábaos “tan quentiños, que os novatos ao beber escaldaban a lingua...”
No 50 aniversario, celebrado en 1983, Airiños xa estaba consolidado e para celebrar a data escolle a obra de Castelao, “Os vellos non deben de namorarse”, unha das obras mestras do teatro galego. Para a ocasión contouse co asesoramento da súa irmá Teresa R. Castelao, de Maruxa Villanueva, e de Daniel Varela Buxán. A peza tivo unha boa resposta do público e da crítica. Posteriormente, co gallo do centenario do nacemento do autor, Airiños volveuna representar ao abeiro do programa “Encontros polas terras de Castelao”.
Por iniciativa de Airiños, en 1982 comeza a primeira reedición da “Semana do Teatro do Pobo”, en Rianxo. Despois de 14 anos, en 1995 fíxoselle unha homenaxe e entregóuselle unha placa a Ramón Pimentel, pola súa longa andaina coma actor e director do Grupo. Ese mesmo verán púxose en escena a obra cómica “A farsa do avogado”, que acadou bos comentarios entre o público asistente.
Entre os anos 90 e o 2000 sucédense as representacións. As decoracións, que nun tempo se lle encargaran ao pintor de Vilagarcía, Rivas Briones, agora correrán a cargo do pintor da vila, Xosé Comoxo. Paralelamente, comeza a súa andaina o Grupo Infantil da man de Ramón Pimentel, labor que hoxe continúa Antón G. Vilariño, coa Escola de Teatro Airiños. No ano 2000, co centenario do poeta Manuel Antonio, representouse “Un ronsel de estrelas”, e repúxose “A fiestra valdeira” no centenario de Rafael Dieste.
Desta última época son “A casa dos líos”, “¡Vaia sarillo!”, “Non lle busques tres pernas ó alcalde” e “A farsa do avogado”, repetida despois en 2007.
Coa incorporación dos netos, e mesmo dos bisnetos, daquela ilusionada xuventude de 1933, o Grupo Airiños entra na súa cuarta xeración. Nunha parroquia de menos de 400 veciños, como é Asados, pódese dicir que máis de 200 persoas pasaron por algunha das obras de teatro que se teñen desenvolvidas ao logo de tres cuartos de século. Todos eles merecen un recoñecemento, pois fixeron posible que o ben chamado Cadro Artístico chegara aos nosos días. Débese recoñecer, igualmente, a boa acollida do público en xeral, que, cos seus aplausos, mantiveron a ilusión e déronlle sentido ao teatro.
O Grupo de Teatro Airiños celebra no ano 2008 as vodas de platino. Son tres cuartos de século nos que representou diferentes veladas por toda a bisbarra da Arousa-Barbanza, defendendo sempre os principios galeguistas e resaltando os costumes propios da cultura popular. Consecuentes coa súa razón de ser, nese ano repuxeron a primeira obra escenificada polos seus antecesores, en 1933, “La retirada de Napoleón”, cunha ducia de representacións nos Concellos de Boiro, Ribeira, Rianxo, Rois, Padrón, Santa Comba, Santiago, Mazaricos, Lousame, Dodro e Ferrol.