martes, 20 de noviembre de 2012

AIRIÑOS: PREMIO DA CULTURA GALEGA 2012 (ARTES ESCÉNICAS)

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2012.- O xurado dos Premios da Cultura Galega 2012, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, determinou na reunión celebrada hoxe na Cidade da Cultura de Galicia os sete premiados que recibirán os galardóns en recoñecemento do seu labor nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, Promoción Cultural de Galicia, Música e Creación Audiovisual.
Os gañadores da edición 2012 foron Salvador García Bodaño na categoría das Letras; Manuel Quintana Martelo na modalidade das Artes Plásticas; o grupo de teatro Airiños (Rianxo) na das Artes Escénicas; a Fundación Eduardo Pondal en Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural; a Asociación Internacional Estudos Galego en Promoción Cultural de Galicia; Manuel Rodeiro en Música; e Miguel Anxo Fernández no apartado de Creación Audiovisual.
 
O grupo de teatro Airiños, de Rianxo, foi o premiado na categoría das Artes Escénicas polo traballo desenvolvido desde a súa creación, no ano 1933, que o converte na máis lonxevo de Galicia. Así, ao longo de catro xeracións, esta iniciativa veciñal vén sendo protagonista da construción dunha creatividade escénica de raíz popular desde o ámbito local.