jueves, 9 de septiembre de 2010

AIRIÑOS OU A BRISA DO TEATRO DE RIANXO

Vanesa Munín (El Correo Gallego, 31.08.2010)

O grupo de teatro, formado por tres xeracións, leva 77 anos representando as obras dos rianxeiros máis importantes da nosa literatura, como Castelao ou Dieste.

O grupo de teatro Airiños leva setenta e sete anos representando nos escenarios as obras dos autores rianxeiros máis coñecidos da nosa literatura. Nado coma unha iniciativa humilde en Rianxo, e grazas ás Mocidades Galeguistas, conseguiu consolidarse ao longo dos anos. Iso si, sen abandonar o uso da lingua galega nin nos momentos máis difíciles. O grupo está formado por tres xeracións de actores que non deixan de mostrar a súa arte ao público día tras día.

Como todo aquilo que hoxe é grande, Airiños comezou sendo pequeno. Nos seus principios, esta aventura estaba formada por catorce actores, catro mulleres e dez homes. Os artífices do grupo foron concretamente os directivos do Centro Galeguista, principalmente Ricardo Rodríguez González, Rafael Piñeiro Fachado e Xosé Otero Rial. "Comezamos en tempos da Segunda República" recorda o director do Grupo de Teatro Airiños, Xesús Santos.

Traxectoria do grupo

O director explica que o camiño da agrupación durante épocas como a ditadura non foi fácil, nas que o uso do galego estaba moi controlado. Asegura que conseguiron sobrevivir grazas "á astucia e perseverancia, fomos capeando o temporal da censura, e cando amainaba algo, procurabamos navegar sen facer moito ruído".

O grupo nunca abandonou o galego nas súas representacións. Esta era unha norma dende a súa creación, como comenta Santos,"exaltar a língua e a cultura autóctona por medio do teatro.", afirma.

Airiños rompeu o xeo nos escenarios coa obra A Retirada de Napoleón no 1933. Dentro do seu repertorio encontramos obras como Na casa do ciruxano, a máis representada, antes e despois da guerra. "Hai persoas que, sen ser actores, saben parrafadas enteiras do texto, que recordan pola súa comicidade e picardía" comenta o director.
No ano 1983, a agrupación cumpriu "un vello soño" como afirma o seu director. Levaron ao escenario a obra de Castelao Os vellos non deben namorarse. Santos recorda que "foi unha aposta forte de moito traballo e compromiso, pero valeu a pena." "Nunca tiveramos tanta xente en escena nin tanto vestiario". Unha experiencia moi gratificante que se repetiu en 1986, con motivo do I Centenario do autor rianxeiro. E que o grupo volveu a repoñer, neste 77 aniversario da creación do Cadro Artístico. Para Airiños, tanto Castelao como Dieste, son dous símbolos "que levamos sempre como bandeira en cartel".

Airiños na actualidade

Neste momento no grupo conviven avós, fillos e netos, pero estes netos de hoxe veñen sendo os bisnetos dos fundadores. Polo tanto, o grupo xa vai na cuarta xeración de actores. O tío do director e tamén actor, Ramón Sende Suárez, con 97 anos, convértese no máis veterano que pasou polo grupo. Da cuarta xeración forman parte cativos como Ramón Romero Muñiz, Lucía Casal Lodeiros e Marcos Iglesias Santos.
O grupo recibiu premios coma o Alexandre Bóveda, como recoñecemento á súa longa traxectoria. "Estamos moi agradecidos de que nos quixeran agasallar con el", conclúe o director..

sábado, 9 de enero de 2010

PREMIO "DESING AND DESING" AO LIBRO QUE RECOLLE A HISTORIA DE "AIRIÑOS"


A empresa Unlimited Creative Group (Unlimited We are the alternative S.L.), conseguiu o premio Anuaria 2009 ao mellor libro, memoria ou deseño editorial coa obra que preparou para o grupo de teatro "Airiños" co gallo do seu 75 aniversario (1933-2008) e tamén o prestixioso premio "Design and Design" a nivel internacional en varias categorías.