domingo, 15 de noviembre de 2009

AIRIÑOS NA POSGUERRA

Ben asesorado ás veces por Ricardo Domínguez, Ramón Pimentel tamén adaptaba os textos das obras que Airiños quería representar, para que pasaran pola inevitable censura da posguerra. Debido ás suspicacias que poderían espertar nos estamentos oficiais, había que buscar o patrocinio da Igrexa Católica, que representaba o principal escollo en canto á moralidade das escenas. Don Plácido Silva, crego da parroquia de Asados-Rianxo, que era un home moi liberal, dixo un día: “Mirade, habería que atopar unha finalidade benéfica, por exemplo para a celebración dun funeral polos caídos da guerra, tanto dun bando coma doutro”. Así foi como se puxeron a boas coas autoridades e acadaron os permisos para actuaren.

Providencial será tamén a inauguración do cine “El Centro” a finais dos anos 40. Foi unha bendición para o Grupo de Teatro, pois nese local podían ofrecer as funcións teatrais os días que non se proxectaban películas. Os actores sentíanse moi ledos nese escenario e diante dun patio de butacas con capacidade para máis de 300 persoas.

A selección de actores, descoñecida para a meirande parte da poboación, era práctica habitual entre a xuventude da posguerra que estaba capacitada para ler, escribir e recitar na súa lingua materna. Ó rematar a contenda civil e reiniciarse as actividades teatrais na parroquia, Asados vaise converter no primeiro lugar de Galicia onde se escenificará en galego, por ser norma do Grupo Airiños dende a súa creación. Pola maxia da arte escénica, esta parroquia converteuse na abandeirada do galeguismo, un caso illado que contrasta coa alienada educación implantada pola ditadura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario