miércoles, 25 de noviembre de 2009

AIRIÑOS PREMIADO CO "SIRENO DE BRONCE"

Barbantia premiará a Xosé Luís Axeitos, a Ramón España e ao grupo teatral Airiños
Os sirenos de bronce entregaranse o venres, a partir das oito e media da tarde, no museo Valle-Inclán

María Hermida
La Voz de Galicia, 24/11/2009


Rianxo segue a ser berce de cultura; terra de xente apegada ás letras, ao arte, ao saber... De aí que os premios que cada ano concede a asociación Barbantia vaian ter, nesta edición, un marcado carácter rianxeiro. Non en van, na nómina de galardoados figura o académico de Asados Xosé Luís Axeitos, o grupo de teatro Airiños e o compositor Xosé Ramón España Lorenzo, que malia ser de Boiro estivo moi ligado á terra de Castelao, posto que foi o primeiro director da banda infantil de Taragoña.

Dende Barbantia explicaron que, o pasado venres, nun descanso do acto celebrado en A Pobra na honra de Rei Ballesteros, o presidente da asociación, Antón Riveiro, o concelleiro pobrense Jesús Dieste e o coordinador do colectivo, Alberto Piñeiro, recontaron os votos emitidos polos socios para saber, dunha tenra de doce finalistas, quen eran os gañadores. A partir dese escrutinio, os sirenos de bronce, esas figuras creadas polo escultor Manuel Teira para agasallar aos premiados, xa tiveron nome e apelidos.

España impúxose na categoría de traxectoria cultural no Barbanza. Nese apartado, o compositor boirense competía co profesor Xoán Mariño Reino; coa pintora boirense Paola García Paz e co mestre e investigador Manuel Mariño del Río. España, ademais de ser o primeiro que levou a batuta na banda infantil de Taragoña, é compositor e agora mesmo forma parte de Os Menestreis.

O grupo de teatro Airiños, unha formación que cumpriu xa as súas vodas de platino sobre o escenario e que competía na sección de iniciativa cultural no Barbanza, tiña como rivais á revista Casa da Gramática noiesa; á Sociedade Liceo de Noia e á Coordinadora dos Equipos de Normalización Lingüística de Barbanza. Finalmente, serán os compoñentes de Airiños os que poidan recoller o sireno.

En canto á terceira categoría, a que premia a traxectoria na cultura galega, os tres personaxes cos que competía Axeitos teñen un denominador común: son persoas ben coñecidas cuxos nomes xa están escritos con letras destacadas na historia de Galicia. Trátase do teólogo e académico Andrés Torres Queiruga; do catedrático e presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Piñeiro, e da escultora Soledad Peralta.

Felicitacións

Dende a asociación Barbantia quixeron dar os seus parabéns aos premiados e lembrar que a entrega de premios terá lugar este venres. Os galardoados recollerán os seus sirenos de bronce nun acto que se celebrará no museo Valle-Inclán a partir das 20.30 horas. Será unha cita que volverá facer da cultura a súa máis grande protagonista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario