miércoles, 25 de noviembre de 2009

O ANO DOURADO DUNHA VETERANA AGRUPACIÓN


| Os actores rianxeiros, de éxito en éxito

Alberto Hevia
La Voz de Galicia, 24/11/2009

O teatro afeccionado está en racha en Rianxo. O grupo Airiños, ademais de ser premiado por Barbantia, acaba de recoller outro galardón. Trátase dun recoñecemento que lle outorgou a agrupación cultural coruñesa Alexandre Bóveda. O antigo teatro Principal herculino -hoxe coñecido como Rosalía de Castro-, un edificio con máis de 170 anos de historia, foi o escenario escollido para que o presidente do colectivo rianxeiro, Xesús Santos, e o resto de actores da compañía recollesen, o pasado venres, o seu galardón.

Un autobús ateigado de amigos e simpatizantes do grupo acompañou aos actores de Airiños ata A Coruña para que, no marco do XIII edición do memorial de teatro Iván Toxeiro, o director da agrupación cultural Alexandre Bóveda, Roberto Catoira, entregara o agasallo aos de Asados. Xunto ao profesor da Universidade da Coruña Carlos Viscaíño, Catoira salientou a traxectoria do grupo Airiños, que foi fundado no ano 1933 no centro galeguista de Asados e que no 2008 celebrou o seu 75 aniversario de actividade ininterrompida, polo que na actualidade é o máis antigo grupo de teatro afeccionado de toda Galicia. «É para nós unha grande honra entregarlle este premio a Airiños porque pon en valor o teatro afeccionado, xerme dos profesionais» apuntou Catoira durante o acto de entrega.

En galego

Quizais, o máis significativo de Airiños sexa que na súa longa andaina nunca esqueceu a súa razón de ser, que foi manter viva e espallar a cultura galega entre todos os veciños de Rianxo. Deste xeito, todas as súas actuacións foron en lingua galega, unha característica que lle provocou numerosos problemas durante a ditadura franquista, ata o punto de estar a piques de desaparecer.

Hai ben pouco, o grupo perdeu ao seu director de honra, Ramón Pimentel, membro fundador que, malia ser octoxenario, continuou ligado a Airiños ata a súa morte. Hoxe, os descendentes dos primeiros actores colaboran nas veladas teatrais organizadas polo cadro artístico de Asados como unha maneira de dinamizar a actividade cultural desta parroquia. Porque este colectivo é algo máis que un grupo teatral. Os seus compoñentes poden dicir, sen lugar a dúbidas, que Airiños é un xeito de vida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario