lunes, 16 de noviembre de 2009

MERECIDO RECOÑECEMENTO


O grupo de teatro Airiños recibirá o día 20 de novembro, o premio Alexandre Bóveda despois de 75 anos sobre o escenario

Marta Gómez (La Voz de Galicia,10/11/2009)

Levan xa 76 anos e non pensan parar. O grupo Airiños, decano do teatro afeccionado, segue a colleitar recoñecementos cada vez máis importantes. Despois de recibir un premio nacional de deseño ao libro que recompila a súa historia e a súa candidatura aos sirenos de bronce de Barbantia, a Fundación Alexandre Bóveda vén de lle conceder un premio «pola súa defensa do idioma e a cultura galega durante máis de tres cuartos de século».

Xesús Santos, director da compañía rianxeira, recoñeceu a enorme satisfacción que supón a concesión deste premio a Airiños, sobre todo porque supera os límites do propio municipio: «Nunca tiveramos un recoñecemento a este nivel, si no eido local, pero non no provincial ou autonómico».

Aínda que asegura que nunca «fixemos teatro pensando nos premios, senón pensando en conectar co público», Santos cree que estes últimos recoñecementos téñenos ben merecidos: «Son moitos anos de traballo e agora estamos recollendo os froitos. Somos un grupo humilde, de aldea, pero sempre fomos fieis á lingua galega».

En canto á entrega deste novo galardón, o Alexandre Bóveda, o acto terá lugar o día 20 no teatro Rosalía de Castro de A Coruña. E como o de Airiños «é un teatro do pobo, que naceu á luz do candil», a esta cerimonia están tamén convidados todos os actores que pasaron polo grupo dende a súa fundación, familiares e veciños en xeral. De feito, está previsto fretar un autobús para que os rianxeiros arroupen aos responsables da formación cando suban ao escenario a recoller o seu premio.

A gala promete ser emotiva para Airiños, xa que se proxectará parte do documental Esta noite, velada , sobre a historia do grupo.

Nova función

Por outra banda, e mentres se ultiman os detalles para a presentación do libro que recolle toda a historia de Airiños, co que se porá o punto e final aos actos conmemorativos do 75 aniversario do grupo, comezaron os ensaios para prepara unha nova función.

Desta volta, Airiños recupera todo un clásico do teatro galego, "Os vellos non deben de namorarse", que puxeron en escena por última vez con motivo do centenario de Castelao, en 1986. Os ensaios están en marcha e, para esta función, ademais de contar con algunha nova incorporación, o grupo recupera a actores distanciados nos últimos tempos da actividade teatral.

No hay comentarios:

Publicar un comentario