sábado, 14 de noviembre de 2009

Nacemento de Airiños


Na parroquia rianxeira de Asados sobrevive dende hai 75 anos o Grupo de Teatro Airiños, un caso singular de afección teatral na que teñen participado boa parte dos veciños da parroquia ao longo de catro xeracións. Nacido ao abeiro do Centro Galeguista, esta pequena semente de xoves actores e actrices desafiou os convencionalismos da época e a 40 anos de ditadura franquista, xa que estaba establecido en Airiños que as obras se representaran en galego, o que molestará grandemente ao réxime. Integrado dende 1981 no Centro Cultural Simón Varela de Dubra e ilustrado polos seus mestres nacionalistas, Airiños continúa hoxe empregando coma sempre a lingua do pobo, e amosando con fachenda a bandeira branca con transversal azul, unha das sinais da súa identidade.

O Grupo Airiños non xurdiu coma un cogomelo por xeración espontánea, pois a inquedanza e a preocupación pola cultura xa botara raíces no propio Rianxo, daquela chamado “A Atenas de Arousa”.

Eduardo Dieste e Arcos Moldes tiveron moito que ver niso, especialmente o segundo, cos seus apropósitos, pequenas obras teatrais con moita intención crítica e educativa. A mocidade participaba activamente, pero cabe sinalar ao minúsculo Manuel Piñeiro “Fariña”, que xogou un papel interesante como “actor”, aínda que só tivera que dicir catro palabras e “lanzar uno de sus enrevesados maullidos de costumbre y desaparecer con su farol entre bastidores”

En 1911 créase en Rianxo o “Centro Instructor y Potector Hijos del Distrito de Rianjo”, sociedade que porá en escena a obra de teatro “La retirada”, orixinal de Ramón Fernández Mato. Os actores foron Adelaida Rañó, Flora Rodríguez, José R. Nine, Roberto Cubeiro, Arturo Figueira, Rafael Rodríguez, Gerardo Zúñiga, Paco, Valentín, Rogelio e outros veciños.

As bases deste grupo teatral aséntanse na vila ao abeiro de dúas publicacións xornalísticas de moita sona naquela época, como son El Barbero Municipal (xullo, 1910-marzo, 1914), e Buenas Noches (xuño, 1911-1914). Estes semanarios representaban o expoñente máis preclaro da vida política e cultural da vila, e por extensión de toda a comarca. Varios foron os “mestres”, especialmente Eduardo Dieste, Rañó e Castelao, que espertaron a faceta artística do pobo rianxeiro. Nesa cuestión Arcos Moldes (director de El Barbero Municipal) foi o grande impulsor de todo.

Pouco despois, en 1917, fúndase tamén en Rianxo a “Agrupación Artística los Trece”, que coma o seu propio nome indica estaba formada por trece mozos da vila, que conformaban un grupo músico-teatral que animaba a vida local, “tan chea de monotonía”, e a quen se debe a continuidade teatral. Debutaron ao pouco no salón da escola de nenos coa obra “El oro y el Moro”, de Eusebio Blasco (a velada rematará cun monólogo recitado por Roxelio Pérez, con “Sálvese el que pueda”).

“El salón ofrecía un aspecto sorprendente con tanta gente como acudió a presenciar el debut de estos jóvenes entusiastas que se proponen animar un poco la vida local, tan llena de monotonía y de cansancio”

Entre os membros fundadores do grupo estaban Rafael Dieste, José Ramón e Francisco Nine, Roxelio e Juan Pérez, Rafael González, José Ordóñez, Manuel Seco e Antonio Losada.

Rafael Dieste recordaba esa época xuvenil con agarimo:

“(...) Eu pertencín a un deles, ou mellor dito fundeino; a compañía chamaba-se “Os Trece” porque éramos trece. Gostou-nos xustamente que fose así, un número fatídico. E eu, como no teatro de Shakespeare, como era o máis novo pois facía os papeis de rapaza. E recordo que unha vez fixen o papel dunha rapaza un pouco histérica e dei-lle unha labazada ao meu mozo que estivo por ma devolver, e era moito máis forte ca min, por suposto. A pouco remata aí a miña vocación teatral. Outros amigos un pouco maiores facían de vellos. Fixemos unhas excursións; “Roxerius”, o curmán de Manuel Antonio, acompañaba-nos. Non participaba nas representacións, pero facía a nosa presentación e facia-a dun xeito moi altisonante. Parece-me que non fumos máis que a Padrón e algunha outra vila. Lembro-me de como fixo a súa presentación en Padrón; dicía: “Somos, somos, ¿qué somos? Algo así, bueno, figuras de la farándula (frases que por entón corrían), hoy estamos en Padrón, mañana en Noia, pasado en Corcubión, etc. etc.”. E alí atascou-se, non pudo decir máis; voltou outra vez a que éramos non sei que da farándula, turramos del para dentro, e aí rematou a súa intervención. Isto era unha andaina moi feliz, un xeito de sociabilidade, pode-se decir que un xeito humilde de teatro”.

Outro dos antecedentes, en xuño de 1930, foi a representación da obra de Arniches “La cruz de Pepita”, grazas a unha nova fornada de actores. Nesa ocasión soben ao escenario as señoritas Balbina e Olegaria Rañó, Urbana e Teresa Otero Castelao, ademais de Juanita Cambeiro, xunto aos entusiastas mozos Otero, Marcial, Ínsua e Iglesias.

As experiencias teatrais non rematarán. Collerán un certo auxe anos despois coa fundación en Rianxo, en plena Segunda República, da Agrupación Galeguista. Destacan nesa época os irmáns “Insua” (Xosé Losada Castelao e Manolo Rodríguez Castelao), Sixto de Aguirre, Rafael Dieste, os Nine, Luís Noya, Ricardo Abuín, Benito Rial, e un bo número de mariñeiros, actores ocasionais...

Aos rianxeiros non lles foi difícil convencer aos de Asados para que seguiran o seu camiño, tanto político coma teatral. Así será no Nadal de 1933, no que crean o Grupo de Teatro Airiños. Politicamente comezaron cunha actividade frenética de captación de socios para o seu Grupo Galeguista, e como consecuencia chegarán a ter un número moi importante, 151, dos que hai constancia, entre eles dúas ducias de mulleres.

A xuventude reúnese na casa de Ricardo Rodríguez, estando integrado o citado grupo de teatro dentro dos compoñentes das Mocidades Galeguistas. Ao tempo que divertía, o teatro afeccionado era unha maneira de achegar a cultura ao pobo, sen esquecer outras cuestións culturais, como a creación dunha biblioteca, ben provista de libros editados en América, e traídos desde Arxentina nas súas viaxes por Ricardo Rodríguez (enfermeiro de profesión, traballaba no equipo sanitario dun dos moitos transatlánticos que daquela cruzaban o océano; foi un dos responsables deste Centro Galeguista).

Noutras parroquias rianxeiras (Araño, especialmente, onde crearan un Centro Cultural e Recreativo, do que debemos sinalar a un membro interesante para o teatro, Xosé Rodríguez Agrelo, mestre de Béxeres (Lousame), quen durante a República creou un cadro de declamación entre os veciños da parroquia de Lesende, e representaron “O Rei da Carballeira” polas distintas aldeas daquelas terras da Barbanza) tamén se alían cos galeguistas, pero en Asados botou raíces con esa forza que diciamos grazas ó impulso de tres mozos: Rafael Piñeiro, Ricardo Rodríguez e máis por outro rianxeiro, Xosé Otero Rial, casado en Asados. Ricardo Rodríguez ofrecera uns locais para representarlles algunha función teatral aos militantes do partido. Tamén Rafael Piñeiro deixou un baixo, sen paredes, dunha casa de Asados. Preocupados pola cultura popular e ben conectados co grupo das Mocidades rianxeiras, o grupo de Airiños manterá contactos con Manolo Rodríguez Castelao “Insua”, entusiasta do teatro, cando xa Rafael Dieste imaxinaba “A fiestra valdeira”.

Unha vez que Dieste regresa a Rianxo despois da súa experiencia pedagóxica, en setembro de 1935, a mocidade rianxeira decide executar a súa obra. Os irmáns “Insua” foron á busca polas tabernas dos actores que lles parecían máis axeitados “para tal ou cal papel”, e atopáronos. Despois dos ensaios de rigor (“ejemplo de lo que es o debiera ser una compañía”) e a representación, “A fiestra valdeira” deu un resultado do máis sorprendente, “de la más pura y viva teatralidad”. Baixo a dirección do propio Dieste, actuaron Manuel Rodríguez Castelao, Ínsua”, que fixo o papel de Don Miguel, o protagonista da comedia, e Balbina Rañó, Lola Romero, Ricardo Abuín, Alfonso Arcos, Benito Rial, Sócrates Piñeiro (Matapitos), Benito Ordóñez, Rogelio Bravo, Andrés Galbán, Francisco Ramos e Vicente Torres.

Sen dúbida, esa posta en escena en Rianxo chamaría poderosamente a atención dos mozos de Asados que asistiron, levándolles a pensar que tamén eles podían facer algo semellante. Pero tamén debían facerse con outras obras teatrais, e os tres anteditos andaron á busca de libretos de autores da época, nos que, ás veces, introducían aportacións persoais. A súa escenificación primeira foi “A retirada de Napoleón” (de Xavier Prado Rodríguez “Lameiro”, un coñecido autor teatral; trátase dun sainete lírico en dous actos divididos en catro cadros) e logo virán “Almas sinxelas”, “Todo ten goberno”, “O cego da Xestosa”, “Farruco, Xacobe e Xuana”, “N’a casa do ciruxano”, “Un home de sorte”, “Luis de Castromouro”...

Logo representarían a “farsilla” “El Avaro”, de Siloc, con bos resultados “porque no había el problema de las chicas, pero además porque erais todos formidables actores”, pero ao pouco todo se truncaría coa implantación da guerra civil. A contenda supuxo un parón inevitable das actividades, tanto teatrais coma políticas.

Moitos dos mozos foron chamados á fronte de batalla, outros fuxiron e os peor parados, para desgraza de case todos, non volveron, foron enterrados...

Rematada a contenda, e xa sen o apoio directo dos rianxeiros, parecía que o Grupo Teatral Airiños ía quedar esquecido, pero daquela foi cando apareceu un mozo, de pouco máis de 20 anos, que militara tamén no Centro Galeguista, Ramón Pimentel Castaño, xastre culto e ilustrado, que fora un dos rapaces actores e non estaba fichado polos franquistas. Converterase en peza fundamental do Grupo Artístico, do que colle a dirección.

Pimentel Castaño deulle toda clase de facilidades ao Grupo. Polo seu oficio podía facer os traxes e os decorados, e deste xeito Asados vaise converter no primeiro lugar de Galicia onde se representará unha obra de teatro en galego. Grazas á súa dedicación, e non sen certo risco, o Grupo acadará un nivel interesante durante un bo número de anos, ata case o ano 2000, en que se viu forzado a deixalo por problemas de saúde. Os compañeiros nomeárano Director de Honra. Morre en xaneiro do 2008, aos 91 anos de idade. Atrás quedaban 74 anos da súa vida, case un cuarto de século, ao servizo de Airiños.

No hay comentarios:

Publicar un comentario